Políticas do programa de Gmail
As Políticas do programa enumeradas a continuación aplícanse a Gmail. Estas políticas desempeñan un papel importante á hora de ofrecer unha experiencia positiva para todos os usuarios de Gmail.
Se utilizas Gmail cunha conta de usuario particular (como @gmail.com), consulta tamén as Condicións de servizo de Google para ter máis información. Se, pola contra, utilizas unha conta do traballo, do centro educativo ou doutra organización, poden aplicarse condicións segundo cal sexa o acordo da organización con Google ou outras políticas. O teu administrador pode proporcionarche máis información.
O uso inadecuado dos servizos supón unha ameaza para a nosa capacidade de fornecelos. Para axudarnos a poñerlle freo, é necesario que todo o mundo siga estas políticas. Despois de que se nos informe dunha posible infracción, podemos revisar o contido denunciado e tomar medidas, como limitar ou cancelar o acceso dun usuario aos produtos de Google. Se se desactiva a túa conta e cres que se debe a un erro, sigue as instrucións indicadas nesta páxina.
Podemos tomar medidas con respecto ás contas que superen a cota de almacenamento. Por exemplo, se excedes a cota de almacenamento, podemos prohibir que envíes ou recibas mensaxes. Tamén podemos eliminar contido da túa conta se non reduces os elementos almacenados ou non obtés espazo de almacenamento adicional suficiente. Tes máis información sobre as cotas de almacenamento nesta ligazón.
Consulta estas políticas de cando en vez porque poden estar suxeitas a cambios.
Informar de uso inadecuado
Se cres que unha conta infrinxiu as políticas do programa, podes denuncialo de varias maneiras:
- Para informar de uso inadecuado en xeral, utiliza este formulario
- Para informar de sedución de menores, utiliza este formulario
- Para informar de infracción do copyright, utiliza este formulario
Asegúrate de que les as políticas que están a continuación para entender como definimos o comportamento inadecuado. Google pode desactivar as contas involucradas se considera que hai un incumprimento do establecido nestas políticas. Se se desactiva a túa conta e cres que se debe a un erro, sigue as instrucións indicadas nesta páxina.
Inactividade da conta
Utiliza o produto para que permaneza activo. Na activade inclúese o acceso ao produto ou ao seu contido cada 2 anos como mínimo. Podemos tomar medidas con respecto ás contas inactivas, como eliminar as túas mensaxes do produto. Tes máis información nesta ligazón.
Spam e correo masivo
Non utilices Gmail para distribuír spam nin correo comercial non solicitado.
Non podes utilizar Gmail para enviar correos electrónicos que infrinxan as leis de CAN-SPAM ou outras leis contra o spam. Tampouco podes utilizalo para enviar correos electrónicos non autorizados a través de servidores de terceiros abertos nin para distribuír os enderezos de correo electrónico dos usuarios sen o seu consentimento.
Ademais, tampouco podes automatizar a interface de Gmail para enviar correos, eliminar ou filtrar correos electrónicos dun xeito que confunda ou engane os usuarios.
Ten presente que a túa definición de "non solicitado" ou "non desexado" pode ser diferente da percepción dos destinatarios dos teus correos electrónicos. Actúa con xuízo ao enviar correos electrónicos a unha gran cantidade de destinatarios, mesmo se no pasado aceptaron recibir os teus correos electrónicos. Cando os usuarios de Gmail marcan correos electrónicos como spam, aumenta a posibilidade de que os nosos sistemas de vixilancia de uso inadecuado clasifiquen como spam as mensaxes que envíes no futuro.
Creación e uso de varias contas de Gmail
Non crees nin utilices varias contas para infrinxir as políticas de Google, eludir as limitacións de conta de Gmail, evitar filtros nin subverter restricións aplicadas á túa conta. (Por exemplo, se algún usuario te bloqueou ou se se desactivou a túa conta de Gmail debido ao uso inadecuado, non tentes substituír esa conta por outra que leve a cabo unha actividade parecida.)
Tampouco podes crear contas de Gmail por medios automáticos nin comprar, vender, comerciar nin revender contas de Gmail a outras persoas.
Software malicioso
Non utilices Gmail para transmitir virus, software malicioso, vermes, defectos, troianos, ficheiros danados ou calquera outro elemento de natureza destrutiva ou enganosa. Ademais, non distribúas contido que dane ou interfira no funcionamento de redes, servidores ou outra infraestrutura de Google ou de terceiros.
Fraude, phishing e outras prácticas enganosas
Non podes acceder á conta de Gmail doutro usuario sen o seu permiso explícito.
Non utilices Gmail para perpetrar phishing. Non solicites nin recompiles datos confidenciais doutros usuarios (contrasinais, información financeira, números da Seguridade Social…).
Non envíes mensaxes para enganar, confundir nin estafar outros usuarios para que compartan datos con falsos pretextos. Non suplantes a identidade doutra persoa, empresa ou entidade coa idea de estafar ou confundir.
Seguranza infantil
Google ten unha política de tolerancia cero contra as imaxes de abusos sexuais infantís. Se temos coñecemento da presenza de devandito contido, denunciarémolo ás autoridades pertinentes tal e como establece a lei. Tamén é posible que tomemos accións disciplinarias, incluída a cancelación das contas de Gmail das persoas implicadas.
Google prohibe usar Gmail para a sedución de menores. Emprégase esta expresión para describir calquera acción dirixida a establecer unha relación cun menor coa idea de que se desinhiba para así poder abusar sexualmente del, explotalo dalgunha outra forma ou usalo para a trata de persoas.
Se cres que algún menor foi ou pode ser vítima de abuso, explotación ou trata, ponte en contacto coas autoridades locais inmediatamente.
Se xa informaches as autoridades, pero segues necesitando axuda, ou se sospeitas que algún menor estivo ou está en perigo por usar Gmail, podes informar a Google dese comportamento mediante este formulario. Lembra que tes a opción de bloquear usuarios sempre que queiras para evitar que se poñan en contacto contigo a través de Gmail.
Copyright
Respecta as leis de copyright. Non infrinxas os dereitos de propiedade intelectual dos demais (incluídas as patentes, marcas e segredos comerciais e outros dereitos de propiedade). Tampouco está permitido que fomentes ou induzas os demais a infrinxir os dereitos de propiedade intelectual. Podes informar a Google da infracción do copyright mediante este formulario.
Acoso
Non utilices Gmail para acosar, intimidar ou ameazar outras persoas. Se se descobre que unha persoa está utilizando Gmail para estes fins, pode desactivarse a súa conta.
Actividade ilegal
Respecta a legalidade. Non utilices Gmail para promover, organizar nin levar a cabo actividades ilegais.