A túa privacidade en Google

Aquí poderás atopar respostas a algunhas das principais preguntas que nos fan acerca da privacidade (por exemplo, que son os datos?) Se queres obter máis información, bótalle tamén unha ollada á Política de privacidade.

A túa localización

Ir ao tema

Compartir contido en Google

Ir ao tema

Datos e personalización

Ir ao tema

Ti tes o control

Ir ao tema

A túa localización

Coñece Google a miña localización?

Sempre que usas Internet, as aplicacións e os sitios poden calcular máis ou menos onde te atopas, e o mesmo pasa con Google. Google tamén pode determinar a túa localización precisa, en función da configuración do dispositivo (consulta Como de precisa é a miña localización?).

Cando buscas contido en Google (por exemplo, coa Busca, Maps ou o Asistente), é posible que se utilice a localización na que te encontras para ofrecerche resultados máis útiles. Por exemplo, se buscas restaurantes, o máis probable é que os resultados máis útiles sexan os que che mostren establecementos preto de ti.

Consulta Como podes xestionar a túa localización?

Como podo activar e desactivar a localización?

Cando fas buscas nos nosos servizos, Google sempre calcula a zona xeral desde a que levas a cabo esa actividade. Google, como calquera outra aplicación ou sitio web con conexión a Internet que utilices, pode calcular a túa localización a partir do enderezo IP do teu dispositivo. Para obter máis información, consulta Como sabe Google onde estou?.

Podes activar ou desactivar os permisos de localización do teu dispositivo, así como os de aplicacións e sitios concretos, e así escoller se enviar ou non a túa localización precisa cando utilizas Google.

Se defines o teu enderezo particular ou o do traballo e Google determina que estás na casa ou no centro laboral, utilizarase o enderezo pertinente exacto para os efectos da túa busca.

Como de precisa é a miña localización?

A túa zona xeral

Cando fas buscas nos nosos servizos, Google sempre calcula a zona xeral desde a que levas a cabo esa actividade. Deste xeito, podemos ofrecerche resultados relevantes e protexer a túa conta mediante a detección de actividade pouco común, como un inicio de sesión desde unha cidade distinta da habitual.

Unha zona xeral ten máis de 3 quilómetros cadrados e polo menos 1000 usuarios, de tal forma que non se te poida identificar cando fagas unha busca, o que contribúe a protexer a túa privacidade.

A túa localización precisa

Se lle dás permiso, Google poderá utilizar a túa localización precisa. Por exemplo, necesitaremos esa información a fin de poder mostrarche os resultados máis relevantes cando fagas buscas como "xeado preto de min" ou co obxecto de ofrecerche indicacións paso a paso para ir a pé a unha tenda.

A localización precisa é o lugar exacto onde estás (por exemplo, un enderezo concreto).

Como coñece Google a miña localización?

A información da túa localización provén de distintas fontes, que se utilizan de forma conxunta para calcular onde te atopas.

O enderezo IP do teu dispositivo

Os enderezos IP están relacionados cunha localización xeográfica aproximada, de forma semellante aos prefixos telefónicos. En consecuencia, calquera aplicación ou sitio web que utilices, como google.com, poderá calcular a zona xeral na que te atopas polo teu enderezo IP. O teu fornecedor de servizos de Internet asígnalle ao teu dispositivo o seu enderezo IP, que é necesario para utilizar a Rede.

A localización do teu dispositivo

Se lle dás permiso a unha aplicación ou sitio de Google para acceder á localización do teu dispositivo, esa información pode utilizarse para axudar a determinar onde te atopas. Case todos os dispositivos contan cunha opción de localización integrada no sistema operativo, polo xeral na configuración.

A túa actividade en Google

Google pode calcular a zona xeral na que te atopas a partir das buscas que fixeches con anterioridade nos seus servizos. Por exemplo, se buscas a miúdo "pizza en Bombai", é probable que che interese ver resultados relacionados con esa cidade.

Os teus lugares etiquetados

Se defines o teu enderezo particular ou o do traballo, Google pode utilizalos para calcular onde te atopas. Por exemplo, se defines o teu enderezo particular e, segundo o teu enderezo IP, a túa actividade anterior ou outras fontes de información de localización, semella que podes estar preto da casa, utilizaremos ese enderezo como a túa localización aproximada.

Quen pode ver a miña localización?

Ti elixes. Se utilizas a función Compartir localización desde Google, podes compartir a túa localización en tempo real con amizades e familiares a través dos nosos sitios e aplicacións.

Comprobar se estás compartindo a localización

A opción Compartir localización está desactivada de forma predeterminada. Se queres compartir a túa localización en tempo real, debes escoller o usuario ao que lle queres facilitar esa información e decidir durante canto tempo queres que teña acceso a ela, ademais de confirmar estas accións. Podes deixar de compartir a localización cando queiras.

Consulta Como compartir a localización en tempo real con outros usuarios?.

Datos e personalización

Que datos recompila Google acerca de min?

Cando utilizas as aplicacións e os sitios de Google, recompilamos a información que necesitamos para ofrecerche os nosos servizos, para facer que che resulten máis útiles e por outros motivos que se explican na sección Por que recompila datos Google?.

A través da configuración, podes limitar os datos que recompilamos e os usos que se lles dan. Por exemplo, se non queres que gardemos o teu historial de YouTube na túa Conta de Google, podes desactivar a opción correspondente. Consulta o apartado Como podo escoller o que garda Google?.

Que son os datos?

A túa información persoal está formada por aqueles detalles que nos facilitas e que serven para identificarte, como o teu nome ou enderezo de correo electrónico. Neste concepto tamén se engloban outros datos que Google pode vincular de forma razoable contigo, como a información que asociamos á túa persoa na túa Conta de Google.

Dentro da túa información persoal inclúense dous tipos de datos:

A información que facilitas e o contido que creas

Cando creas unha Conta de Google, facilítasnos información persoal, como o teu nome e un contrasinal.

Tamén podes gardar o contido que creas, cargas ou recibes doutros usuarios (por exemplo, mensaxes de correo electrónico e fotos).

A túa actividade en Google

Para poder ofrecerche unha mellor experiencia, recompilamos información acerca da actividade que levas a cabo nos nosos servizos, como, por exemplo, os termos que buscas e os vídeos que ves, as persoas coas que te comunicas ou compartes contido, e o historial de navegación de Chrome.

Recompilamos información sobre as aplicacións, os navegadores e os dispositivos que utilizas para acceder aos servizos de Google, o cal nos axuda a ofrecerche funcións como a de atenuar a pantalla se che queda pouca batería.

Tratamos información relativa á túa localización (por exemplo, cando utilizas funcións como as indicacións paso a paso). Para obter máis información, consulta a sección Localización.

Por que recompila datos Google?

Recompilamos a información que necesitamos para ofrecerche os nosos servizos, para facer que che resulten máis útiles e por outros motivos que se explican máis abaixo (sección Para que utilizamos os datos?).

Por exemplo, Google Maps pode axudarche a chegar a onde te dirixes e a evitar o tráfico porque combina información sobre onde estás (os teus datos) con datos públicos (información sobre lugares públicos e mapas).

Para que utilizamos os datos?

Ofrecer os nosos servizos

Utilizamos os datos para ofrecer os nosos servizos (por exemplo, para procesar os termos que buscas a fin de mostrarche resultados).

Manter e mellorar os nosos servizos

Os datos axúdannos a manter e mellorar os nosos servizos. Por exemplo, grazas a eles podemos facer un seguimento dos fallos do servizo. Así mesmo, permítennos saber cales son os termos de busca que se escriben incorrectamente con máis frecuencia, o que nos axuda a mellorar as funcións do corrector ortográfico que se usan nos nosos servizos.

Desenvolver novos servizos

Os datos axúdannos a desenvolver novos servizos. Por exemplo, o feito de comprender como organizaban os usuarios as súas fotos en Picasa, a primeira aplicación de fotos de Google, axudounos a deseñar e lanzar Google Fotos.

Ofrecer servizos personalizados, como contidos e anuncios

Utilizamos os datos para ofrecerche contido personalizado (por exemplo, recomendacións de vídeos que poderían gustarche). En función da túa configuración e da túa idade, poderemos mostrarche anuncios personalizados baseados nos teus intereses.

Medir o rendemento

Tamén utilizamos os datos para medir o rendemento e entender como se utilizan os nosos servizos

Comunicarnos contigo

Se detectamos algunha actividade sospeitosa, poderiamos utilizar o teu enderezo de correo electrónico para enviarche unha notificación

Protexer a Google, os nosos usuarios e o público

Utilizamos os datos para protexer as persoas cando utilizan Internet (por exemplo, para detectar e previr fraudes)

Como utiliza Google os datos para personalizar a miña experiencia?

A personalización consiste na utilización da información que recompilamos para adaptar as nosas aplicacións e sitios ás túas preferencias. Grazas a este proceso, podemos ofrecerche, por exemplo:

  • recomendacións de vídeos que poderían gustarche
  • consellos de seguranza adaptados ao uso que fas das aplicacións e dos sitios de Google (consulta Revisión de seguranza)

Tamén utilizamos os datos para personalizar os anuncios, agás naqueles casos en que a opción de configuración estea desactivada ou para certas idades.

Personaliza Google os anuncios que vexo?

Tentamos facer que os anuncios que mostramos sexan o máis útiles posible. Non obstante, non personalizamos os anuncios que ven os usuarios de certas idades nin aqueles que teñen desactivada a opción Personalización de anuncios.

Aínda así, podemos facer que os anuncios lles resulten útiles aos usuarios, mesmo sen personalizalos. Por exemplo, se estás nunha páxina de resultados para a busca "zapatos novos", pode que vexas un anuncio dunha empresa de zapatillas deportivas. Ese anuncio pode basearse en factores xerais, como a hora do día, a localización xeral e o contido da páxina na que te atopas.

Ti tes o control

Como podo escoller o que garda Google na miña conta?

Cando utilizas un servizo de Google (por exemplo, Fotos), algunhas opcións de configuración permítenche decidir cousas como se queres facer unha copia de seguranza das túas fotos e sincronizalas.

Tamén tes á túa disposición distintas opcións de configuración que che axudan a personalizar a túa experiencia nas aplicacións e nos sitios de Google. Dúas das máis importantes son as opcións Actividade web e das aplicacións e Historial de YouTube.

Cando están activados estes controis:

  • A información sobre a actividade que levas a cabo nos nosos sitios e aplicacións gárdase na túa Conta de Google
  • A información gardada utilízase para personalizar a túa experiencia en Google

Actividade web e das aplicacións

Nesta opción gárdase a actividade que levas a cabo en sitios e aplicacións de Google (por exemplo, a Busca ou Maps) e inclúese información asociada, como a localización. Tamén se garda o historial sincronizado de Chrome e a actividade procedente de sitios, aplicacións e dispositivos que utilizan os servizos de Google.

A túa actividade utilízase para ofrecerche buscas máis rápidas, mellores recomendacións e experiencias máis personalizadas en Maps, na Busca e noutros servizos de Google.

Historial de YouTube

Nesta opción gárdanse os vídeos que ves e as buscas que fas cando utilizas YouTube.

O teu historial de YouTube utilízase para personalizar a túa experiencia nesta plataforma e outras aplicacións (por exemplo, os resultados de busca).

Como elimino os datos de A miña actividade?

Podes eliminar os datos que están gardados na túa Conta de Google. Os datos que decidas eliminar de forma permanente quítanse dos nosos sistemas. Seguimos un coidadoso proceso para asegurarnos de que estes datos se quiten por completo dos nosos servidores ou se conserven unicamente nun formulario que non poida asociarse contigo.

Visita A miña actividade para revisar a actividade que está gardada na túa Conta de Google (por exemplo, o contido que buscaches, liches e viches). Podes eliminar determinados datos ou toda a actividade comprendida nun intervalo de tempo concreto.

Así mesmo, podes escoller que a túa actividade se elimine de forma automática.

Como descargo o meu contido?

O teu contido son os teus correos electrónicos, fotos, vídeos, documentos, follas de cálculo, comentarios, contactos e eventos do calendario, entre outras cousas.

Se queres crear un arquivo co teu contido (xa sexa para facer unha copia de seguranza ou para levalo a outra empresa, no caso de que queiras probar un servizo diferente), visita Descargar os teus datos.

De que controis dispoño cando teño a sesión pechada?

Mesmo cando tes a sesión pechada, dispós de distintos controis que che permiten escoller como funcionará Google. Cando teñas a sesión pechada, visita g.co/privacytools para cambiar estas opcións de configuración:

Personalización da busca

Esta opción permite que se utilicen as buscas que fas en Google desde este navegador para ofrecerche resultados e recomendacións máis relevantes.

Historial de busca e de visualización de YouTube

Esta opción permite que se utilicen os datos da actividade que levas a cabo en YouTube (por exemplo, os vídeos que ves e as buscas que fas) para personalizar a túa experiencia nesta plataforma.

Tamén podes bloquear algunhas ou todas as cookies do teu navegador, pero, se o fas, poderían deixar de funcionar algunhas funcións da Web. Por exemplo, en moitos sitios web é obrigatorio ter as cookies activadas para poder iniciar sesión.

Os usuarios que teñan a sesión pechada tamén poden escoller se queren ver anuncios personalizados. Con todo, non personalizamos anuncios para certas idades.